Nacen os Primeiros Premios de Sombreireiría de Asnot “CHAPEU CONTEST”

Este ano será a primeira edición dos Premios de Sombreireiría “Chapeu Contestque se enmarcan dentro das actividades que forman parte do festival Asnot en Padrón (A Coruña, España).

A Asociación Cultural Asnot de Padrón convoca un Premio Internacional de Sombreireiría apoiado pola Fundación Artesanía de Galicia. Xunta de Galicia e o Museo do Pobo Galego para afianzar a importancia que ten o sombreiro no desenvolvemento do propio festival e procurar facer de Asnot un referente na potenciación e divulgación do mundo do sombreiro. Ademais deste concurso haberá outras actividades deseñadas en Asnot con este propósito.

Esta primeira edición, Chapeu Contest 2024, ten como obxectivo dar a coñecer e por en valor a sombreireiría tradicional galega, que, aínda que é moi recoñecible, tamén é unha gran descoñecida na súa variedade e historia.

Escolléronse tres pezas de cabeza moi distintivas do noso traxe tradicional: pucho, monteira e sancosmeiro. As participantes no concurso terán que investigar e revisitar estes sombreiros respectando as súas singularidades pero achegándose aos usos e materiais de hoxe en día.

A organización porá a disposición dos concursantes toda a información que precisen sobre as pezas a interpretar, tanto a través das redes sociais do Chapeu Contest como da web de Asnot.

Félix de Martín, sombreireiro artesanal e coordinador do Chapeu Contest, cunha das pezas do Museo do Pobo Galego

Para isto cóntase co apoio de institucións como o Museo do Pobo Galego, Fundación Artesanía de Galicia. Xunta de Galicia e o Concello de Padrón, así como de asociacións culturais e de profesionais sombreireiras e sombreireiros.

O premio é de carácter internacional e está enfocado a profesionais e afeccionados, cada un dentro da súa categoría.

Os seleccionados mostraranse nos escaparates dos comercios do casco vello de Padrón, creando así unha exposición ao aire libre, accesible e a pé a través dun atractivo e dinamizador paseo que percorrerá as rúas de Padrón.