As Xornadas de Sombreireiría de Asnot:
tradición e contemporaneidade
22 e 23 xullo 2024
Mesas redondas, 10:30h – 13:00h
Obradoiros, 16:00h – 19:00h
As xornadas son de balde
Non se precisan coñecementos previos.
Inscricións ata o 15 de xullo
Coordinación: Félix de Martín
Por primeira vez este ano o Chapeu Market, ou o mercado de sombreiros de Asnot, non será a única actividade dedicada ao oficio da sombreireiría en Asnot: ampliamos esta sección cunhas Xornadas Profesionais de Sombreireiría e os Primeiros Premios de Sombreireiría “Chapeu Contest 2024” .
Durante dous días consecutivos (22 e 23 de xullo de 2024) falaremos de tradición e contemporaneidade no mundo do sombreiro con referentes do sector e rodeadas dos camelios da Casa-Museo Rosalía de Castro, en Padrón.
Xornada 1: TRADICIÓN:
“O como e o porqué das tradicionais formas de facer”
22 xullo 2024
10:30h Inauguración
11h-13h Mesa redonda. Un diálogo entre artesás facedoras de sombreiros sancosmeiros onde se afondará en temas como a recuperación, a investigación e a posta en valor deste chapeu tan característico do noso. Unha conversa e demostración con artesás do trenzado de palla tradicional co obxectivo de compartir a herdanza aprendida no como facer, co coñecemento histórico e técnico sobre os porqués desas formas de facer.
16h-19 Obradoiro: “Trenzado e manipulación da palla tradicional”
Remataremos a xornada co obradoiro impartido por Trenzarte. Neste taller aprenderemos o trenzado e manipulación da palla tradicional.
Xornada 2: CONTEMPORANEIDADE:
“Adaptación e renovación: tres miradas sobre a sombreireiría hoxe”
23 xullo 2024
10:30h Apertura da sesión
11h-13h Mesa redonda. Unha conversa distendida e cercana onde 3 creadores sombreireiros: Rafa Peinador, Jana López e Félix de Martín, compartirán as súas experiencias, visións e reflexións sobre a viabilidade e evolución deste oficio na actualidade.
Este encontro promete ser unha oportunidade excepcional para mergullarse no fascinante mundo da sombreireiría, descubrir os seus segredos e reflexionar sobre como reinventar este oficio tradicional para adaptalo aos tempos actuais.
16h-19h Obradoiro: “Quéreme, non me quere”
Remataremos a xornada cun obradoiro impartido por Rafa Peinador. Un taller onde Rafa Peinador expresa a súa relación amor-odio cos plásticos co obxectivo de abrir a mente creativa dos asistentes con técnicas e posibilidades de uso de diferentes plásticos reciclados (ou non).
Coñecemos ás ponentes
Trenzarte é unha asociación cultural especializada en labores de palla. O obxetivo desta asociación é recuperar e difundir a figura deste tradicional sombreiro galego: o sancosmeiro.
Trenzarte deseña e fabrica as súas pezas cun proceso completamente artesanal, a mesma técnica coa que durante séculos se elaborou o sancosmeiro, empregando sempre palla de trigo ou centeo ecolóxico,
sementado e recollido manualmente.
Rafa Peinador, galardonado sombreireiro español con sede en Londres especializado en pezas de moda cun toque inesperado e divertido. Chegado a este oficio de maneira tardía, fórmase no Morley College e no Kensington and Chelsea Collage de Londres. Afianza a súa formación en varios talleres profesionais de renome, entre eles o de Stephen Jones OBE.
As súas pezas destacan pola súa calidade, creatividade e por un marcado sentido lúdico onde mestura técnicas clásicas do oficio con materiais propios doutros oficios e contextos. As súas creación son reclamadas por deseñadores como Brain & Beast, Guillermo Décimo, Lina, Ángel Vilda ou Ana Locking entre outras.
Dende o 2023 é mestre de sombreireiría no prestixioso Morley College de Londres e ten un obxectivo claro. Como di él: “é realmente importante transferir toda a miña pasión e amor pola sombreireiría á próxima xeración de sombreireiras e sombreireiros e demostrarlles que nunca é demasiado tarde na vida”.
Forma parte da colección de sombreireiría 2024 do Royal Ascot, este ano baixo a dirección do deseñador de moda británico Daniel Felcher.
Jana López, deseñadora galega licenciada en Belas Artes. Despois de varios anos dedicada ao deseño textil, en 2017 abre a Sombreireiría Austrohúngara, actualizando o concepto tradicional de tenda de sombreiros e en 2019 crea Maar Hats, un proxecto creativo de sombreireiría contemporánea de fabricación artesanal e a pequena escala que escapan da inmediatez da moda, atopando o seu mercado
máis sólido en Asia, Norteamérica e Europa.
Jana tamén fai consultoría e deseño para outras marcas de relevancia internacional, ademáis de impartir charlas, seminarios e obradoiros enfocados á divulgación e conservación da cultura vinculada ao gremio da sombreireiría como oficio tradicional e industria de valor para un desenvolvemento sustentable.
Félix de Martín, sombreireiro artesán galego e coordinador destas Xornadas. A súa relación co téxtil vén dende a infancia, criado entre fíos, teas e agullas nunca pensou que a súa profesión sería a dedicación absoluta e total ao marabilloso mundo do chapeu. Como él di, “a vida, se a escoitas, lévate a atopar a túa vocación”. A súa formación desenvolveuse en talleres de Portugal e España dende o 2006. Día a día continúa investigando en novas formas, materiais e formas de facer.
No seu taller en Ourense, onde recibe tanto clientes particulares como deseñadores independentes, crea pezas atemporais de gran calidade, técnica e estética, imparte formación e inculca o valor e a riqueza da sombreireiría.
Persoas destinatarias
Están dirixidas tanto a profesionais e aprendices de sombreireiría, moda, deseño,
arquitectura como a calquera persoa interesada no tema proposto.
Non se precisan coñecementos previos.
Inscrición
Ata o 15 de xullo. As prazas cubriranse por orde de inscrición.
Para inscribirse:
a) Cun email a asnotfestival@gmail.com indicando a/s xornada/s e obradoiro/s nos que se quere participar, o nome, un número de teléfono e enderezo electrónico de contacto,
b) Ou a través deste formulario
Unha vez aceptada la solicitude, as persoas solicitantes recibirán unha notificación. Aquelas que se inscriban nos obradoiros recibirán ademais a información necesaria para efectura o pago de 20€ en concepto de material.
O máximo número de persoas por obradoiro é de 15 persoas