Programación

Programación Asnot 2022

Con metodoloxía participativa, código ético da sustentabilidade e esforzo en canto a responsabilidade social, medioambiental e económica, Asnot, nesta edición, integra na súa programación accións coma unha intervención na fachada de O Rincón que traduza vivencias e recordos deste espazo social nun mural, un relato visual da historia padronesa. A inauguración do Chapeu Market, un punto de encontro profesional do sombreiro onde se lle dará visibilidade á artesanía de Galicia a través de catro proxectos: A Eito, Blade-Hats, Félix de Martin e Julia Vilariño. A socialización do noso patrimonio sucederá en diferentes obradoiros, onde a voz das protagonistas en primeira persoa e os seus saberes serán partillados. A intervención artística sobre burros de madeira Os Burros de Asnot no Xardín Botánico reinterpretando o evento dende diferentes disciplinas e puntos de vista. Ou a final do concurso Asnot Busking o sábado 30, destinado a bandas emerxentes que, coa colaboración dos Estudios Mans, procura fomentar a creatividade musical integrándoo dunha forma natural no festival.

Dirixido por Darío Autrán e interpretado por Josito Porto, a curtametraxe promocional de Asnot 2022, fíxonos intuir a banda cabeza de cartel deste ano, Abbey Road, un dos mellores tributos do mundo a The Beatles que se propón desatar o fenómeno fan deste participativo e gratuíto festival.

Por último, ademais de outros concertos, clases Lindy Hop e actividades diversas, este ano Asnot presenta o venres a Camila de Asnot, unha personaxe ilustrada que nos contará a súa historia e valores a través dunha proxección de ilustracións creadas en vivo combinada cunha sesión en vinilo de sons sistis.