Padrón, venres 24 de setembro de 2021. – Asnot Asociación Cultural reúnese hoxe en Santiago de Compostela con representantes da Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social ACOLLE para facerlles entrega do talón de 1.500 euros.
O pasado venres 30 de xullo de 2021, tras volver encher o aforo en poucas horas, celebrouse Asnot Garden Party no Xardín Botánico Artístico de Padrón co motivo dun pícnic caritativo con fins socio sanitarios para paliar as consecuencias da crise covid na nosa proximidade.
A organización de Asnot, sabendo que un festival a pé de rúa e sen aforo limitado non era posible de momento, procurou unha fórmula encaixada aos valores de Asnot e que non perdera a esencia e o glamur do festival. A Raíña convidou á súa comunidade a un pícnic caritativo bañado de música, teatro e outras artes nos seus fermosísimos Xardíns de Palacio durante unha relaxada tarde de verán.
Durante a celebración de Asnot Garden Party, cada grupo de convidadas participaron na escolla da asociación con fins socio-sanitarios a onde se destina hoxe a metade da recadación das entradas a través dos Xogos de Asnot que atoparon nas súas mesas.
A Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social ACOLLE, un espazo de acollida para as persoas maiores máis necesitadas e vulnerables que procura en todo momento mellorar a súa calidade de vida. Actualmente agrupa 12 residencias e centros asociados repartidos por toda a xeografía galega, atendendo a un total de 929 residentes.